sábado, 25 de abril de 2026

Punto de araña de Nerea Pallares

Punto de araña


Nerea Pallares
Premio García Barros 2025 

Cando as tardes empezan a ser máis longas, vou polas rúas ata unha libraría que sigo dende fai tempo nas redes sociais, pero na que nunca puxen os meus pes. Non está cerca da casa, e hai que enfilar subidas típicas desta cidade. 

En Vigo de Papel vai ter lugar a presentación da novela. Teñen o seu propio ritual previo. Pechan as oito, colocan as cadeiras e despois abren para que vaiamos entrando as persoas que fixemos unha ringleira moi británica fora. E pequeniña e moi cálida. Está chea. Síntome agusto dende o primeiro intre. 

A charla é entre amigas. Nerea fala das Residencias literarias, do xerme da historia, do escenario que tivo que coñecer con maior detalle. Das formas de fala, da individualidade dentro do coral. Da dificultade de estructurar, das traduccións (ela mesma fai a de castelán). 

Non merco o libro. Saio coma unha intrusa. Sei que voltarei. 

Esa mesma noite comezo a lectura. Remato nun tren rumbo a Zamora, o seu paso por Pontevedra. 

A destacar: a orixinalidade. Mestura entre utopía, lendas e realidade. Cada capítulo ábrese cun debuxo de bordado, tecido polas arañas, ou polas mulleres loitadoras. Tamén hai un capítulo no que os espacios xogan coas verbas (falou disto o editor, quen tiña dudas sobre o resultado. Dame a sensación de que o premio deixou os cousas claras para que non metesen man nas formas nas que foron creadas). 

O día do libro, a primeira hora, volvo e merco, agora sí, a novela. Será un agasaio para alguén a quen penso gustará. Belén, a libreira, conversa coas clientas sobre lecturas presentes e futuras. O dito, encántame. 

Sinopse: Chamada por ese espírito do mar bravo e do vento que peta na porta de todas as casas, Ari chega a Camariñas, unha vila labiríntica que lle resulta estrañamente familiar, para encargarse do museo de encaixe e exercer como guía turística, sen saber aínda que as mulleres da localidade tomaron unha decisión que está a piques de mudalo todo. 
Fartas do egoísmo dos homes anfibios e ausentes, donos das decisións e dos cartos, e de sosteren a voz de todos sen que teñan elas voz propia, as palilleiras —tamén redeiras, mariscadoras e traballadoras da conserveira— acordan acabar con esa situación dun xeito drástico e perigoso: chamando polas arañas. Tres mulleres temibles, donas do océano e do encaixe, que conforman un goberno doutra orde ao que cómpre obedecer. 
Novela mariñeira e coral, batida pola escuma das ondas que petan contra as rochas e tecida coas voces de tres xeracións de mulleres que se rebelan. Unha loa ás que tecen as redes invisibles que nos sosteñen; ás mans que, en silencio, entrelazan o mundo e ás mans das amigas, rede de redes. 

Eitorial Galaxia, Vigo 2025. Páxinas: 154. 7ª reimpresión abril 2026. Acceso o inicio.

Edición en castellano publicada por Libros del Asteroide en febrero de 2026.



No hay comentarios: